• 981141295
  • cmus.coruna@edu.xunta.es

Emilio Lede

CURRICULUM VITAE

 

Emilio Lede Abal nace en Barro (Pontevedra) e comeza os seus estudos musicais da man do seu pai. Estuda piano e óboe, máis tarde composición con Joám Trillo –que esperta o seu interese pola análise– e finalmente musicoloxía.

As súas liñas de investigación céntranse na edición musical, na historia da harmonía, na relación da análise coa interpretación e nas correspondencias entre a música e as demáis artes. Escribiu artigos para as revistas Relafare, Cuatro42, Diapente, Sul Ponticello e Sexto Orden, deu conferencias no CGAC de Santiago de Compostela, no Museo de Belas Artes da Coruña, na galería de arte Lilliput, no Conservatorio Superior de Música de Vigo e na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, impartíu cursos no MARCO de Vigo, no Conservatorio Profesional de Santiago, no Superior de Vigo e na ESMAE do Porto, e no ano 2012 publicou o libro Análisis musical y guía para la interpretación. Partita para flauta sola BWV 1013 de J. S. Bach. Sonata para flauta sola de C. Ph. E. Bach (Dos Acordes), presentado na ESMUC de Barcelona no marco da II Convención da Asociación de Frautistas de España.

No curso 2014-2015 realizou un Máster en Investigación Musical na Universidade Internacional de Valencia (VIU), cuxo traballo final –Edición crítica de la Missa Charitatis de Jan Dismas Zelenka: forma original y relación con la Missa Nativitatis Domini– obtivo a máxima cualificación. Entre 2014 e 2018 ensinou musicoloxía no Conservatorio Superior de Música de Vigo e actualmente é profesor do Departamento de Composición do Conservatorio Superior de Música da Coruña e traballa como editor independente. Vén de publicar arranxos de pezas de Haydn (Befoco) e Chaikovski (Egge, Resonata, Edizioni Eufonia), e edicións de obras de Widerkehr (Cornetto, Ebenos), Druschetzky (Da Vinci) e Barth (Egge); proximamente sairán do prelo edicións súas de pezas de Zabala, Guelbenzu e López Juarranz (Da Vinci), de Druschetzky (Ebenos), Bretón (Boileau), Monasterio (Tritó) e Zelenka (Kunzelmann), así como tamén un arranxo dunha peza de Mahler (Resonata).